Tameiga acolle o IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias 

 

  • Este fin de semana terá lugar no centro Cultural As Pedriñas de Tameiga o IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias, no que participarán comunidades de montes galegas e asociacións de baldíos portuguesas.     
  • Este cuarto congreso, organizado pola Federaçao Nacional de Baldíos-BALADI e a Organización galega de Comunidades de Montes, celébrarase baixo o lema “Novas economías verdes en áreas comunitarias: espazo de oportunidades ou risco anunciado”.

A Organización galega de Comunidades de Montes xunto coa Federaçao Nacional de Baldíos-BALADI celebran, este sábado 18 e domingo 19, o IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias. As actividades do congreso terán lugar no centro social As Pedriñas da Comunidade de Montes de Tameiga (Mos).

O Congreso europeo de Áreas Comunitarias está destinado especialmente para a participación das comunidades de montes veciñais galegas e as asembleas de compartes portuguesas. Participan, ademais, entidades de diversa índole que viven, traballan o xestionan o medio rural, así como profesionais relacionadas co medio rural e co monte veciñal. Tamén están convidadas organizacións ecoloxistas e ambientais de Galiza e Portugal.

“Novas economías verdes en areas comunitarias: espazo de oportunidades ou risco anunciado” é o lema que preside este congreso, xa que nas charlas e talleres do encontro se abordará o papel a desenvolver polas áreas comunitarias na transición enerxética. Debatirán cómo conxugar este papel coa presente ameaza da vaga de acaparación das terras comunitarias impulsada pola economía capitalista e auspiciada por algunhas administracións.

Os montes veciñais en man común galegos e os baldíos portugueses son titularidades de carácter xermánico. Son terras indivisibles e intrasferible e polo tanto situadas fóra do tráfico do mercado. Ademais, están xestionadas  democráticamente pola veciñanza comuneira galega e os compartes portugueses que conforman as asambleas que rixen estas áreas forestais. 

Segundo a ORGACCMM: “As características destas terras comunitarias chocan frontalmente cos intereses de sectores capitalistas, especulativos e urbanísticos. Por iso, estes intereses, amparados polo goberno da Xunta de Galiza do Partido Popular, tentan de modificar a vixente lei de montes veciñais en man común e así eliminar o seu carácter de titularidade xermánica e proceder a privatización das terras comunitarias”.

A Organización galega de Comunidades de Montes denuncia que a estratexia do capitalismo é a acaparación  das terras e, con ela, o espolio dos recursos que nelas se dan: vento ,auga .minerais ,producións agro-gandeiras,… Sinalan que tamén sufren intentos de acaparación de terras para a construcións de urbanizacións de luxo, campos de golf, centros comerciais ou cidades desportivas de clúbes privados como no caso dos montes veciñais de Tameiga.

“Para parar esta agresión ás terras comunitarias, a veciñanza comuneira ten que conquerir que as lexislación reforcen o carácter xermánico dos montes veciñais e que se recoñozan a estes como titularidades distintas e en pé de igualdade coas  titularidades privada e pública actualmente existentes”, destaca Xosé Pereira, presidente da ORGACCMM.

Na Unión Europea, os montes veciñais galegos e os baldíos portugueses, como titularidades comunitarias e veciñais só existen en Galiza e Portugal. No IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias, baldíos e montes veciñais buscaran o modo de que a Unión Europea recoñeza esta titularidade veciñal e comunal para que conste esta especificidade na súa política agraria .medioambiental e de desenvolvemento rural.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *