A ORGACCMM comeza unha nova etapa coa renovación da súa xuntareitora.

NOVOS TEMPOS MÁIS DIVERSOS E INCLUSIVOS PARA CONTINUAR NADEFENSA DOS NOSOS MONTES VECIÑAIS.

No pasado VIII Congreso Galego de Comunidades de Montes, celebrado os
días 23 e 24 de maio do 2026, no concello de Allariz, a Organización Galega de
Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM) renovou a súa actual xunta
reitora, na sucesiva asemblea xeral de carácter extraordinario, para dar paso a
unha nova etapa máis inclusiva e diversa onde por primeira vez existe unha
paridade nos seus principais cargos e onde por primeira vez o cargo de
presidencia pasa a mans dunha muller.


Despois de máis de 25 anos de loita e defensa aos ataques e conflitos sufridos
nos nosos montes veciñais en man común a ORGACCMM, representada polo
seu valeroso presidente Xosé Alfredo Pereira Martínez (“Pepe de Sabarís»),
cede o seu cargo máis representativo de presidencia a Generosa Gey Piñeiro,
pasando a ser na actualidade a nova presidenta ao fronte.


Deste xeito conséguese acadar o que se leva anos defendendo e apoiando nas
xuntas reitoras das diferentes comunidades de montes de todo o país, que é a
incorporación das mulleres coma comuneiras e a incorporación das mulleres
nesas xuntas reitoras para acadar en conxunto unha xestión máis diversa e
representativa. Para a ORGACCMM acadar unha paridade nos actuais cargos
principais da súa xunta reitora é un gran orgullo, sendo o resultado dun
excelente traballo anterior feito con dedicación e respecto.

Nesta nova etapa da Organización Galega de Comunidades de Montes
Veciñais, moi ao contrario do que pretende a actual Consellería do Medio rural,
o prioritario seguirá sendo a defensa da titularidade xermánica dos nosos
montes veciñais en man común conservando os seus catro piares lexislativos:
indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables e a consolidación
dunha verdadeira política de ordenación do territorio consistente en camiñar
cara un monte multifuncional, autoxestionado e sustentábel coa determinación
da veciñanza  comuneira nesta posta en valor.

Estas bases fundamentadas na xestión das Comunidades de montes veciñais
en man común (CMVMC) foron recollidas nos dous relatorios presentados no
pasado VIII Congreso galego de comunidades de montes, intitulado “Montes
veciñais, pasado, presente e futuro vivos”, ao que asistiron unhas 60
comunidades de montes das catro provincias galegas.

Dentro do programa deste VIII Congreso galego de comunidades de montes
realizouse a presentación do libro “En man común. Os montes veciñais e a
autoxestión colectiva dun ben común”, editado pola editorial catalá Pol-len
Edicions. O cal recada moita información da historia dos montes veciñais e das
resolucións de diferentes comunidades de montes. Presentado en diferentes
artigos maiormente escritos por membros de xuntas reitoras de varias
comunidades de montes e polo presidente da ORGACCMM, Xosé Alfredo
Pereira Martínez, na primeira parte histórica.

Destes dous relatorios elaborados e presentados pola Comisión organizadora
do VIII Congreso galego de comunidades de montes (comisión constituída con
anterioridade por persoas voluntarias de xuntas reitoras de diversas
comunidades de montes) saíron a debate nos plenos diferentes achegas e
modificacións aportadas polas comunidades de montes alí asistentes as cales
foron incorporadas aos definitivos relatorios e foron recollidas nas devanditas
conclusións.

CONCLUSIONS DO VIII CONGRESO GALEGO DE COMUNIDADES DE
MONTES:

Primeira: As lexislacións, tanto galegas como estatais ,deben recoñecer aos montes
veciñais como unha titularidade comunitaria e xa que logo distinta e en pé de
igualdade coas titularidades públicas e privadas.

Segunda: A historia dos montes veciñais é a historia da resistencia da veciñanza para
non perder as súas terras comunitarias. Para acadar que os montes veciñais
sigan a ser terras cargadas de futuro e non reliquias do pasado esta loita de
resistencia é un dos camiños polo que temos que avanzar.

Terceira: Durante a ditadura franquista os montes veciñais padeceron usurpacións e
ocupacións. Unha nova lei de montes veciñais, ten que declarar nulos de pleno
dereito todos estes actos de disposición.

Cuarta: O goberno central ten que incluír dentro da lei de memoria democrática á
veciñanza comuneira como vítimas da ditadura franquista, porque durante este
réxime político os montes veciñais foron usurpados a favor dos concellos e das
deputacións.

Quinta: As asembleas xerais das comunidades de montes son foros de participación e
de debate que xeran hábitos democráticos e sentimentos de solidariedade,
participación e pertenza á comunidade. As xuntas reitoras das comunidades de
montes teñen que asegurar que toda a documentación necesaria para debater
nas asembleas xerais teñan que presentala á veciñanza comuneria con tempo
de antelación.

Sexta: Os distritos forestais e as oficinas agrarias comarcais deben ter como cometido
fundamental o asesoramento ás comunidades de montes e á veciñanza
comuneira. Asesoramento en tramitación de axudas multifuncionais, denuncias
ante ataques á integridade do monte veciñal, cortas de madeira, posta en valor
do monte veciñal… Compre cambiar, no imaxinario colectivo a frase «aí veñen
os do lume”, cando ven aparecer o persoal de Consellería do medio rural, por:
«aí están os do monte».

Sétima: Faise necesario a edición dun manual no que se recollan como facer as
tramitacións necesarias das comunidades de montes. Así como xerar unha
rede de apoio entre as comunidades de montes e sinerxias con outros grupos e
entidades que defendan os montes veciñais como titularidades comunitarias.

Oitava: É urxente reivindicar da Xunta de Galiza a constitución dun Centro Nacional de
Documentación do Monte Veciñal. Un centro no que se recolla, ademais dos
libros referentes sobor o monte veciñal, as publicacións das comunidades de
montes e das súas organizacións (Congresos, Xornadas, Libros, Revistas…).

Novena: O xeito máis eficaz para impedir o acaparamento dos montes veciñais é a
consideración de que todos os recursos dos montes veciñais (do subsolo, do
solo e do ar) sexan considerados como aproveitamentos do monte. E dentro
dunha lexislación que beneficie as maiorías sociais da nosa nación, plena capacidade de decisión das comunidades de montes para por en valor estas
terras comunitarias.

Décima: No aproveitamento da enerxía eólica, dentro dunha ordenación acaída do
territorio, é necesario que as comunidades de montes teñan plena capacidade
para instalar ou non parques eólicos nas súas terras. Así como o dereito das
comunidades de montes a instalar aeroxeradores nas súas terras para
abastecer de enerxía á veciñanza comuneira e localidades limítrofes. É o único
xeito de parar o espolio que co aproveitamento de esta enerxía están
padecendo os montes veciñais en servizo dos intereses das multinacionais.

Undécima: A lexislación estatal debe permitir que no aproveitamento da enerxía
fotovoltaica as comunidades de montes poidan actuar como comunidades
enerxéticas locais. Sería a fórmula de empoderar ás persoas consumidoras
facéndoas partícipes da xeración e do consumo da propia enerxía.

Duodécima: As actividades extractivas son as máis agresivas para o medio ambiente e a
saúde das persoas, xa que logo, faise necesario un control de estas
actividades. Un control dende o inicio da actividade ate o final. Este control
democrático debe ser exercido por unha comisión de seguimento conformada
por: comunidades de montes, sindicatos agrarios, grupos medioambientais e
comisións de afectados/as.

Décimo terceira: Esiximos da consellaría de Industria da Xunta de Galiza a volta das
comunidades de montes ao consello da minaría, tal e como acontecía na lei de
minaría do goberno bipartito. Así como a presencia dos grupos
medioambientais.

Décimo cuarta: Reclamamos unha Lei dos servizos ecosistémicos, que cuantifique e valore
tales servizos, así como as Xustas compensacións. Dado que dos beneficios
que prestan estes servizos, benefíciase a sociedade no seu conxunto, os
titulares teñen que recibir compensación dos gobernos por ser estes a
representación democrática da sociedade.

Décimo quinta: Reivindicamos a elaboración de unha normativa sobre os restos patrimoniais existentes nos montes veciñais. Unha normativa que tendo como base a
conservación e a protección de estes bens, permita acadar un monte veciñal
multifuncional. Xa que logo, unha normativa elaborada a pé do monte e non
nos fríos despachos.

Decimo sexta: A xestión da auga ten que ser sustentábel, segura e democrática. Neste
aspecto a laboura das comunidades de montes e a laboura das comunidades
de augas son imprescindibeis para garantir o acceso universal á auga e para
promover a súa autoxestión.

ANTEPROXECTO DE LEI CONTRA OS LUMES: O MESMO PERO PEOR

Na reunión do Consello Forestal, que tivo lugar o pasado martes día 22 de setembro, a Consellaría do medio rural presentou o anteproxecto da lei de loita contra os lumes. E nunha mostra de talante antidemocrático, informou de que o anteproxecto non sería sometido a consulta pública. Só por mor do posicionamento case unánime das entidades que conforman o Consello Forestal aceptou, aínda que de xeito moi restrinxido, que estas puidesen presentar suxestións ao articulado do anteproxecto. É dicir, diante dunha lei que afectará a máis de ⅓ do territorio galego, soamente se poderán presentar achegas, de xeito indirecto, a través dos grupos parlamentares cando o anteproxecto de lei se tramite no Parlamento Galego para a sua aprobación definitiva.

O anteproxecto de lei contra os lumes é máis do mesmo. A Consellaría do medio rural segue entendendo que os lumes son unha praga que ven todos os veráns e non propón ningunha medida para erradicar as causas estruturais, que son as que provocan os lumes. Causas como a non ordenación do territorio, o monocultivo forestal con especies pirófitas, a desordenación das masas boscosas, a aposta polos aproveitamentos forestalistas e produtivistas, o abandono do medio rural, a despoboación… Non semella moi acaído que, ante un problema onde as alternativas que se propuxeron non deron resultado, se insista nas mesmas alternativas.

O anteproxecto da lei contra os lumes segue entendendo que a prevención da loita contra os lumes consiste en ter os montes limpos, as pistas forestais arranxadas, os puntos de auga prestos e na xestión da biomasa forestal. De feito poderíase dicir que este anteproxecto é un decreto de xestión da biomasa forestal cun réxime sancionador. Evidentemente as accións antes citadas son medidas preventivas, pero non son suficientes. A principal medida preventiva contra os lumes é a de camiñar cara un medio rural multifuncional e sustentábel, onde os titulares das terras sexan os principais protagonistas desta posta en valor. E, sobre isto, o anteproxecto de lei nada fala.

No que respecta aos montes veciñais e ás comunidades de montes, o anteproxecto de lei contra os lumes aínda é máis negativo. De feito, considera que os montes veciñais non xeran servizos ecosistémicos, repercute nas comunidades de montes a xestión da biomasa forestal arredor das vivendas que invadiron os montes veciñais (e que na maioría do casos foron construídas ilegalmente) e non contempla a presencia das comunidades de montes na elaboración dos planos de prevención dos concellos e dos distritos forestais. Este anteproxecto contempla tamén que os titulares dos montes que padezan lumes teñan que pagar os gastos de extinción. Pero non porque lle prendan o lume, que podía ser aceptable, senón cando a criterio da Consellaría do medio rural os titulares dos montes, por acción ou por inactividade, propaguen os lumes, favorezan a sua propagación ou a sua intensidade.

Ante estes argumentos ambiguos e interpretativos, serán os distritos forestais, converténdose en xuíz e parte, os que decidan cando se apliquen estes criterios e os que impoñan a sanción. É dicir, ante unha ineficacia e unha mala planificación na loita contra o lume, na faceta de extinción, que é de responsabilidade exclusiva da Consellaría do medio rural, esta culpará aos titulares dos montes. Non parece moi de xustiza social esta indefensión das comunidades de montes. Esta proposta arbitraria amosa claramente que para a Consellaría do medio rural a problemática dos lumes non é un problema para o conxunto da sociedade galega senón dos titulares dos montes. Esquecendo adrede que os montes veciñais cumpren funcións medioambientais e sociais que benefician á sociedade no seu conxunto e, xa que logo, ten que ser a Consellaría do medio rural o principal actor na loita contra os lumes. Loita que ten que facerse con políticas e con medios acaídos; é dicir, con políticas e medios radicalmente distintos dos que leva adiante a Consellaría do medio rural.

Para a Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM) o anteproxecto de lei contra os lumes é totalmente negativo para o medio rural, para as comunidades de montes e para a veciñanza comuneira. É unha proba máis da intención da Consellaría do medio rural de que a veciñanza comuneira abandone a xestión dos seus montes veciñais para que sexan entregados a empresas privadas. Diante desta situación, a ORGACCMM fai un chamamento ás comunidades de montes para que manifesten publicamente o seu rexeitamento e para que dirixan escritos á Consellaría do medio rural, solicitándolle que o anteproxecto de lei contra os lumes sexa aprobado mediante un proceso democrático e participativo. É dicir, que o anteproxecto de lei contra os lumes, antes do seu debate parlamentar, volva ao consello forestal para a presentación de achegas, se someta a consulta pública e, antes de chegar ao Parlamento Galego, se dite o informe preceptivo do Consello Económico e Social de Galiza.

ORGACCMM

VIII CONGRESO GALEGO DE COMUNIDADES DE MONTES

Os días 23 e 24 de maio do 2026 terá lugar, na Casa de Cultura do concello de Allariz (Ourense), o VIII Congreso Galego de comunidades de montes, organizado pola Organización Galega de comunidades de montes, baixo o lema “Montes veciñais: pasado, presente e futuro vivos”.

O VIII Congreso Galego de comunidades de montes, no que se debaterán dous relatorios intitulados respectivamente “Recoñecer a titularidade veciñal como unha máis, distinta e en pé de igualdade das titularidades públicas e privadas” e “Considerar como aproveitamentos dos montes veciñais todos os que neles se dan” é un Congreso aberto a todas as comunidades de montes de Galiza.

As comunidades de montes que queiran participar no VIII Congreso Galego de comunidades de montes teñen que comunicalo antes do día 14 de maio de 2026 aos correos electrónicos evamvcoiro@gmail.com ou xapegonda@gmail.com, ou ao enderezo postal Centro Veciñal de Valadares, camiño do Pedregoso n.º 6,-36314-Vigo. Na comunicación indicarán o nome da comunidade de montes, o concello ao que pertencen e o número de veciños/as comuneiros/as asistentes.Os días 23 e 24 de maio celebraranse dous xantares de irmandade. O prezo do xantar é de 25,00 euros por persoa. As comunidades de montes que queiran participar nos mesmos teñen que facer o pagamento antes do día 19 de maio de 2026 na conta da ORGACCMM (ES64 2080 5072 6430 4000 6296 de Abanca, BENEFICIARIO: ORGANIZACION GALEGA COMUNIDADES MONTES VECIÑAIS EN). No pagamento indicarase o nome da comunidade de montes, o número de persoas e os días nos que asistirán ao xantar de irmandade.

A comisión organizadora do VIII Congreso Galego de comunidades de montes facilita tamén a pernoctación a noite do 23 de maio. O prezo das habitacións simples é de 30,00 euros e o das dobres 60,00 euros. As comunidades de montes que queiran pernoctar deben facer o pagamento na conta anterior e tamén antes do día 19 de maio de 2026. No pagamento deben especificar se as habitacións son simples ou dobres .

VIII Congreso Galego de Comunidades de Montes

Os días sábado 23 e domingo 24 de maio de 2026, na Casa da Cultura do concello de Allariz (Ourense), celebrarase o VIII Congreso Galego de comunidades de montes baixo o lema “montes veciñais: pasado, presente e futuro vivos”.

O VIII Congreso Galego de comunidades de montes vai desenvolverse nunha situación tremendamente agresiva contra os montes veciñais e contra as comunidades de montes. É ben coñecido que se está elaborando un borrador para unha nova lei de montes veciñais que ten como obxectivo a eliminación dos montes veciñais como titularidades de carácter xermánico, para municipalizar algúns montes veciñais e privatizar os outros.

Para deter este serio intento de que desaparezan os montes veciñais do territorio galego a asistencia das comunidades de montes a este VIII Congreso é fundamental. É un Congreso aberto á asistencia de todas as comunidades de montes de Galiza, e participativo. Aquelas comunidades de montes que queiran presentar achegas aos dous relatorios que se van debater poden facelo enviando as súas achegas, antes do día 14 de maio de 2026, ao correio electrónico evamvcoiro@gmail.com ou ao enderezo postal: Centro Veciñal de Valadares – Camiño do Pedregoso n.º 6-36314 Vigo

A ORGACCMM denuncia sentenzas xudiciais arbitrarias contra os montes veciñais

  • A ORGACCMM denunciará ante diversos organismos galegos, estatais e europeos a vaga de sentenzas xudiciais arbitrarias que desclasificaron montes veciñais e non clasificaron outros que teñen todas as carácteristicas para ser clasificados como tales.

A Organización galega de comunidades de montes (ORGACCMM) denuncia que a administración galega de Xustiza semella acompañar ao goberno do Partido Popular na súa procura da eliminación dos montes veciñais do territorio galego. Sinalan que isto se fixo máis patente a partir da aprobación, no ano 2019, da Primeira Revisión do Plano Forestal de Galicia na que a Consellería do medio rural marcase  como obxetivo “adaptar os montes veciñais ao rexime xurídico vixente”, eliminando o carácter de titularidade xermánica destas terras.

“Están dictando sentenzas arbitrarias que desclasifican montes veciñais e non clasifican outros que teñen todas as carácteristicas para ser clasificados como tales. Sentenzas que semellan de parte e non xustas”, declara José Alfredo Pereira,  Presidente da ORGACCMM. As comunidades de montes galegas están sufrindo sentenzas desfavorables que entenden non acordes á ordenación legal. 

Por iso, denuncian que estas sentenzas dictadas están saltándose varios artigos da lei de montes veciñais actualmente vixente. De tal feito que non declaran montes veciñais a aqueles quen non teñan un uso forestal, cando a lei de montes veciñais vixente di explicitamente que os usos actuais dos montes veciñais non poden ser impedimento para non declarar un monte como de veciñal. O mesmo  cando non declaran como monte de veciñal porque a superficie do monte é menor de 15 has, aplicando os lemas “inter vivos” e “causa mortis”, é decir mercar, vender ou transmitir montes veciñais, cando estes actos e negocios xurídicos non se poden realizar nos montes veciñais por ser estes titularidades de carácter xermánico.

Alertan de que se está legalizando así a usurpación dos montes veciñais que se fixo na dictadura franquista levaronse adiante a favor dos concellos, xa que danlle valor probatorio ao feito de que durante a dictadura franquista os montes veciñais figurasen nos inventarios de bens muncipais. Resaltan que estas sentenzas non soamente legalizan as usurpacións franquistas, senón que tamén eliminan, na práctica, o carácter de imprescritibilidade dos montes veciñais.

Ademais a ORGACCMM está moi preocupada porque estas sentenzas crean lexislación cando esta non é a función do poder xudicial. Así, de forma arbitraria, a Xustiza galega decide que todos os montes veciñais que estén situados en nucleos urbanos non serán clasificados como tales ou mesmo serán desclasificados. Para as comunidades de montes galegas a clasificación dun solo como nucleo rural só implica a súa definición de uso, non a perda da titularidade do mesmo. 

“E xurídicamente admisibel que unha norma de xerarquia inferior, os planos de ordenación municipal, prevalezan sobre unha lei autonómica galega, a lei de montes veciñais. Isto racha isto a chamada xerarquía xurídica”, apuntan desde a Organización galega de comunidades de montes.

Denuncian que isto foi o que aconteceu na última sentenza contra o monte veciñal de Noalla, no concello de Sanxenxo. Unha setenza que coincide plenamente cos obxetivos que prantexa a Consellaría do medio rural na lei de montes veciñais que quer aprobar, pero que incumpre a lexislación actual. No borrador da lei montes veciñais da Consellaría do medio rural, ademais de querer dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica para eliminar o carácter xermánico dos montes vecñais, pretende eliminar tamén o carácter de imprescritibilidade dos montes veciñais ao esixir que a veciñanza comuneira teña que demostrar un uso continuado do monte veciñal.

“O borrador da futura lei de montes veciñais coincide coas últimas sentenzas, incluida a  última setenza contra o monte veciñal de Noalla, cando pretende que so se declaren montes veciñais aqueles que teñan somentes un uso forestal. Estamos pois diante de unha pura coincidencia ou diante de unha extratexía común entre a Xustiza e  a Consellaría do medio rural?”, asegura o Presidente da ORGACCMM.

Ante esta indefensión da veciñanza comuneira diante da non clasificación e desclasificación dos montes veciñais, ante a perda do dereito de propiedade de unhas terras comunitarias, poseidas dende tempos imemoriais, a ORGACCMM acordou levar esta situación ante diversos organismos galegos, estatais e europeos como son: a Valedora do Pobo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, o Defensor del Pueblo, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Delegación do Goberno do estado en Galicia, o defensor do pobo europeo,  a Comisión  de peticións do Parlamento europeo e o Tribunal europeo de dereitos humanos.

A Consellería de Medio Rural volve a rexeitar a condonación das falsas e inxustas débedas dos montes veciñais con consorcio ou con convenio

A semana pasada a portavoz de montes do grupo parlamentar do BNG, Montse Valcarce, presentou na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego unha iniciativa para que se devolvan, de forma xunta e trasparente, ás comunidades de montes a xestión dos montes veciñais con consorcios e ou con convenios sen débedas impostas.

Para esta xusta esixencia a deputada do BNG argumenta que as supostas débedas  dos montes veciñais, con consorcio e ou con convenio, foron elaboradas  unilateralmente pola Consellería do Medio Rural. Nestas supostas débedas non se desgregan con detalle os investimentos, os ingresos xerados e o saldo final de cada monte veciñal. Así como tampouco distingue se os investimentos foron realizados con fondos propios ou sufragados con subvencións de outras administracións públicas, xa que estas últimas en ningún caso poden ser repercutidas na suposta débeda da comunidade de montes.

A nova directora xeral de Planificación e Ordenación forestal, Luisa Piñeiro, rexeitou esta iniciativa parlamentar do grupo do BNG. E para elo, argumentou mentiras, como dicir que, a día de hoxe, un de cada 5 montes veciñais teñen débedas coa administración galega. A realidade é ao revés, as débedas, se é que son reais, tenas a Administración coas comunidades de montes. Nos montes veciñais con consorcio ou con convenio a xestión do monte veciñal correspondíalle exclusivamente a Consellería de Medio Rural. Se esas débedas son reais, a deudora é a Consellería, xa que se se produciron foi porque esta Consellería amosou ser un mala xestora dos montes veciñais.

As razóns polas que a directora rexeitou a iniciativa parlamentar do BNG son dúas. A primeira é a de facer caixa cobrándolle ilegalmente ás comunidades de montes unha débeda que foi xerada por ela mesma. A segunda é a de roubarlles á veciñanza comuneira, cos seus montes veciñais conveniados ou consorciados, a xestión dos mesmos. E, así, entregarllos de balde ás empresas forestais privadas a través dos chamados “contratos temporales de xestión pública “, contratos que na realidade non son públicos.

A nova directora xeral de Planificación e Ordenación forestal sigue a liña dos seus antecesores. É dicir: os montes veciñais, titularidades fóra do tráfico do comercio, e as comunidades de montes, xestión democrática de un territorio, impiden levar adiante a súa política forestal-empresarial. Polo tanto queren proceder a sua eliminación, tanto dos montes veciñais como das comunidades de montes.

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) manifesta o seu agradecemento ao grupo parlamentar do BNG por levar adiante unha iniciativa parlamentar que esixía a devolución xusta e transparente ás comunidades de montes dos montes veciñais consorciados ou conveniados. Unha reivindicación sentida por un número importante de comunidades de montes.

Montes veciñais  e  memoria democrática

A ORGACCMM ven de solicitar ao Ministerio de Administracións públicas e Memoria democrática, e á Delegación do Goberno central en Galiza, a reparación ás comunidades de montes veciñais, porque os seus titulares, a veciñanza comuneira, foron vítimas da ditadura franquista.

A lei de memoria democrática define, entre os seus obxetivos, o de recoñocer e reparar ás vítimas da guerra civil e da ditadura franquista. Esta, unha vez implantada logo da guerra civil, promulgou no ano 1946 a chamada lei hipotecaría, mediante a cal os montes veciñais, soamente coa sinatura dos secretarios dos concellos, pasaban a inscribirse nos inventarios de bens de propiedade municipal. Levouse a cabo, así, unha  usurpación dos montes veciñais aos seus lexítimos titulares, a veciñanza comuneira.

Anos antes, no ano 1941, a ditatura franquista creou o organismo chamado Patrimonio Forestal do Estado. En Galiza, este organismo, coa oposición da veciñanza, procedeu a forestar pola forza en réxime de biculitivo forestal (piñeiros e eucaliptos) os montes veciñais. Producese, así, unha ocupación ilegal desas terras comunitarias, que impideu aos titulares das mesmas o seu uso e o aproveitamento, que, naqueles momentos, era maioritariamente un uso agrario e gandeiro.

Esta usurpación e ocupación dos montes veciñais por parte da dictatura franquista eliminou o medio de vida da veciñanza comuneira, forzando unha migaración forzosa. Polo que tamén causou a despoboación do medio rural e, anos mais tarde, a problematica dos lumes. Podendo afirmarse que os lexítimos titulares dos montes veciñais padeceron un lucro cesante.

Esta usurpación dos montes veciñai, impedindo que os lexítimos titulares usasen a súas terras, durou, cando menos, ata o ano 1980. Ano no que se promulgou unha lei estatal de montes que reconocía que os montes veciñais eran titulares dos veciños e das veciñas, non entendidos como entes  administrativos, senon como grupos sociais. Fica claro que, alomenos durante 34 anos, a veciñanza comuneira, esto é, as comunidades de montes, foron vítimas da dictatura franquista.

É de xustiza que a a lei de memoria democrática recoñoeza ás comunidades de montes como vítimas da ditadura franquista e proceda a unha xusta reparación.

Asemblea xeral ordinaria da Organización Galega de Comunidades de Montes 

O sábado 21 de febreiro de 2026 no centro veciñal de Vincios (Rúa do Piñeiro, no concello de Gondomar) terá luga, ás 10h, a asemblea xeral anual da ORGACCMM.

Nesta asemblea xeral, entre outros temas, tratarase da tremenda vaga de lumes padecida no verán pasado, do borrador da nova lei de montes veciñais que está elaborando a Consellería do Medio Rural, mediante a cal pretende roubarlle os montes veciñais a veciñanza comuneira, e da ilegalidade que están comentendo moitos concellos galegos ao estar a pasar as comunidades de montes o pago do Imposto de Bens Inmobeis (IBI), cando estas, por lei, están exentas do pago de este imposto.

Nesta asemblea xeral tamén se informará da celebración do VIII Congreso Galego de Comunidades de Montes, que terá lugar os dias 23 e 24 de maio deste ano,  no concello de Allariz, baixo o lema “Montes veciñais: pasado, presente e futuro, vivos”.

A  asemblea xeral da ORGACCMM tten carácter de asemblea aberta, xa que poden asistir á mesma todas as comunidades de montes que queiran, aínda que non sexan socias da organización. Aquelas comunidades de montes que dexesen asistir só teñenque comunicar a súa intención de asistir ao correo electrónico xapegonda@gmail.com, antes do dia 18 de febreiro de 2026.

Dia de Loita da Veciñanza Comuneira (V Edición)

24 de Xaneiro de 2026 en Eirón-Mazaricos
Lembrando a defensa das terras veciñáis que os labregos e labregas fixeran por
todo o País e a represión sofrida no franquismo. O asasinato pola garda civil de
José Esperante París “Che de Pedro”, veciño de Eirón, e feridos graves Andrés Alvite
Santos e Marcelino Esperante Antelo, varias persoas detidas, con cárcere e fortes
sancións o 22 de Xaneiro de 1963, foron unha parte tráxica desas loitas.

O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, no pasado mes de
Outubro de 2025, ven de facer un RECOÑECEMENTO PERSOAL E REPARACIÓN DE
DANOS na figura do “Che de Pedro”, polo que ésta V Edición vai estar marcada por
elo, querendo facer extensivo o mesmo, o resto de persoas e familias afectadas,
convidando a veciñanza do concello e do resto do País a sumarse a ésta
celebración.

Programa:
11:00 h. Local Social de Eirón. Recepción asistentes.
11:10 h. INGATECO. Alcalde de Mazaricos. ORGACCMM. 11:20 h. Eduardo Rico Boquete. Doutor en Historia (USC). Profesor da Facultade de Xeografía e Historia – Departamento Historia. Grupo HISTAGRA (Historia agraria e política do mundo rural. Sec. XIX e XX).
Título: “Repoboacións forestáis e conflictividade social na dictadura franquista”
12:10 h. Café.
13:00 h. Braña da Gatiñeira-Eirón. Diante do monumento a José Esperante
París. Lembranza das persoas represaliadas no franquismo por defender as
terras veciñáis.
Participan:
Concello de Mazaricos.
Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñáis en Man
Común.
Representación das persoas afectadas.
Ingateco.
13:45 horas. Ofrenda floral. Himno Galego.

Colaboran: Concello de Mazaricos Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais.

Almorzo de confraternidade: Ás 14:30 horas en Casa Pego, San Cosme de Antes,30
euros. As persoas interesadas poden anotarse nos seguintes tfnos: 679233474
(Claudio). 629690113 (Argimiro), ou no email ingateco.info@gmail.com

 AXUDAS PARA SILVICUTURA

O Diario Oficial de Galiza número 5 do dia 9 de Xaneiro de 2028 ven de publicar axudas para a silvicutura productiva de coníferas, para actuacións silvícolas con obxetivos ambientais e non productivas en frondosas e para rehabilitación de soutos de castaño.

A cuantía das subvencións para silvicultura productiva en coníferas será do 60%. E para accións silvícolas  con obxetivos ambientais e para a rehabiltación de soutos de castaño será do 100%.

A superficie mínima da actuación será de 1 hectárea e a máxima de 50 hectareas. O prazo para a presentación de solicitudes e de 30 dias hábiles contados a partir do dia seguinte da publicación e orde de axudas no DOG.