COMUNIDADES ACTIVAS E PAISAXES RESILIENTES A INCENDIOS FORESTAIS E CAMBIO CLIMÁTICO

A ORGACCMM ven de recibir da fundación Montescola unha comunicación na que nos informa de un proxecto denominado  Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático, e convida Ás comunidades de montes a  participar no mesmo .

Este proxecto, que conta con unha axuda da fundación Biodiversidad e que coordena a fundación Juana de Vega, consiste en :

  • Realización de 5 visitas  de intercambio a 5 montes veciñais.
  • Elaborar un Atlas de Boas Práticas de Conservación  Comunitaria.

Aquelas comunidades de montes que dexesen participar no mesmo, deben porse en  contacto coa fundación Montescola (info@montescola.org).

ALEGACIÓNS AO PROXECTO ALTRI EN PALAS DE REIS.

  • A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), ven de presentar diante da Secretaria Xeral de Industria da Consellaría de Economía, Industria e Innovación alegacións á implantación dunha industria de fibra téxtil  a base de celulosa, que promovida pola empresa Greenfiber S.L, preténdese instalar en Palas de Rei co nome de proxecto GAMA.

Coas achegas presentadas solicítase da Secretaría Xeral de Industria que lle denegue  á empresa Greenfiber S.L as correspondentes autorizacións  para a instalación da industria de fibra téxtil  e que se arquive o expedente.

O proxecto de Altri pretende producir 600 mil toneladas de celulosa solúbel  e lyocel. Para tal produción de celulosa a empresa precisa o consumo de 1´2 millóns de toneladas/ano de eucalipto. Isto vai supor, necesariamente, un incremento de  terras adicadas ao cultivo desta especie forestal.

Os primeiros datos do Inventario Forestal Continuo de Galiza, publicados no mes de Xuño do ano pasado, certificaron que a superficie do monte galego ocupada polo eucalipto superou en perto de 400 mil hectareas  o planificado no Plano forestal de Galiza para o ano 2021. O proxecto de Altri ven aínda a rachar máis esta planificación, dado que vai precisar máis terras adicadas ao cultivo deesta especie forestal. Polo tanto, o proxecto GAMA de Altri ven a fomentar un modelo de monte forestalista, neste caso  con especies de crecimento rápido, cando o monte de futuro pasa por conquerir  un monte multifuncional e sustentabel .

O proxecto Altri vai producir celulosa destinada a exportación, xa que logo non vai pechar o ciclo produtivo da produción e polo tanto non vai xerar valor engadido na zona . Vai potenciar de novo unha industria de enclave  e espoliadora dos recursos.

Na bisbarra onde se pretende instalar a factoría de Altri hai un importante sector agrogandeiro e existen diferentes empresas, moitas delas de produción ecolóxicas, que se asentan sobor o sector primario. Estas actividades económicas verían mermadas a súa produción, cando non abocadas ao peche. A instalación da macrodelulosa de Altri nestas terras contribuiría a unha maior disminución da superficie útil agraria e eliminaría outras actividades económicas e sociais que se dan na zona coa conseguinte despoboación do medio rural.

Na realidade, a instalación da macrocelulosa de Altri  nas terras da Ulloa propiciaría un modelo de monte forestalista en rexime de monocultivo forestal con especies de crecemento rápido e provocaría a despoboación da zona. E está constatado que a forestación salvaxe e o despoboamento do medio rural son dúas das causas principais que propician que os lumes sigan sendo unha lacra para o territorio e para as pobaocións que neles habitan.

ASEMBLEA XERAL 2024 DA ORGACCMM    

A Organización Galega de Comunidades de Montes celebrará a súa asemblea xeral ordinaria correspondente ao ano 2024:

  • Sábado 20 de abril ás  10`00h.
  • No teatro Elma na Pobra do Caramiñal. 

Entre outras cuestións, dentro do orde do dia desta asemblea xeral da ORGACCMM, tratarase da situación na que se atopa  a pretensión  da Consellaría do Medio Rural de modificar a lei de montes veciñais en man  común actualmente vixente.

Modificación que pretende eliminar o carácter de xermánico dos montes veciñais para proceder a súa privatización. Por iso, nesta asemblea xeral da ORGACCMM ,tratarase de acordar as accións institucionais e reinvindicativas para parar este novo ataque ao monte veciñal en man común.

A asemblea xeral está aberta a todas as comunidades de montes que queiran participar na mesma. Para isto,  teñen que comunicalo antes do dia 12 de Abril de 2024, chamando o móbil 649137135 ou no correio electrónico xapegonda@gmail.com.

PROPOSTA PARA PERPETUAR A MEMORIA CULTURAL E LINGÜISTICA PARROQUIAL.

A ORGACCMM ven de recibir da Asociación de Funcionarios para a normalización lingüistica de Galicia unha proposta para  Perpetuar a Memoria Cultural e Lingúistica parroquial. Nesta proposta prantexan que desde  as comunidades de montes se fomente que as lápidas da veciñanza comuneira falecida, e todo e que nelas se escriba, se fagan  no idioma galego.

A ORGACMM considera  acaída esta  proposta para perpetuar a memoria cultural e lingüistica parroquial. Polo tanto, solicita que as comunidades de montes  leven esta cuestión a debate as súas asembleas xerais para que se, o consideran oportuno,t omar os acordos pertinentes para efectivizala. E de este xeito contribuir a normalización do idioma galego en todos os eidos.

Aquelas comunidades de montes que nas súas asembleas xerais  tomasen este acordo, para a súa total efectividade, deben conseguir dos veciños/as comuneiros/as asinen unha Declaración de Vontade Individual (podedes pedir este documento na Orgaccmm).

Convocan ás forzas políticas galegas para falar dunha nova lei de montes veciñais

 

  • A Organización Galega de Comunidades de Montes convoca ás forzas políticas galegas para falar dunha nova lei de montes veciñais que garanta o carácter comunal e democrático das comunidades de Montes.

Na Consellaría do Medio Rural, ficou un borrador para a modificación da lei de montes veciñais en man común  actualmente vixente. Un texto deste borrador que para a ORGACCMM, atenta contra os principios básicos do monte veciñal, xa que prantexa a eliminación do carácter xemánico destas terras. O que segundo Xosé Pereira, presidente desta organización, significaría, nun futuro inmediato, “a privatización das comunidades de montes”.

Debido a isto, a ORGACCMM solicitou aos candidatos e candidatas das forzas políticas que concorren as eleccións nacionais que no programa eleitoral do seu grupo político contemple a elaboración dunha nova lei de montes veciñais que tome como base o texto contido na Iniciativa Lexislativa Popular presentada o ano pasado no Parlamento Galego polas propia Organización Galega de Comunidades de Montes.

Unha Iniciativa Lexislativa Popular que foi elaborada polas comunidades de montes e que contou co aval de 12.010 sinaturas. Un texto que reforza o carácter xermánico dos montes veciñais e mellora o funcionamento democrático das comunidades de montes, 

Ademais, tamén solicitaron aos  grupos políticos o compromiso de que toda a futura lexislación referente aos montes veciñais en man común, así como todas as propostas para pór en valor os montes veciñais, se elaboren contando coa opinión das comunidades de montes,  

Subvencións en prazo

Impulso da boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais

No Diario Oficial de Galicia do dia Venres 19 de Xaneiro de 2024 (DOG nº 14)  publica  a ORDE do 20 de decembro de 2023, polo que establecen as bases reguladoras das axudas,en concurrencia competitiva, destinadas ao impulso da boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais de voces.

As comunidades de montes pode solicitar esta axuda . O obxetivo de estas axudas son:

  • Revisión dos croquis das carpetas-ficha
  • Deslindes parciais entre montes veciñais e con outros tipos de montes.

A cuantía da axuda pode chegar o 100% . O prazo de presentación das solicitudes de axudas remata o 1 de marzo de 2024.

 

Fomento e apoio as agrupacións forestais de xestión conxunta

No Diario Oficial de Galiza do dia  venres 12 de Xaneiro de 2024 (DOG nº 9), publica a ORDE polo que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento e apoio as agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal.

Aínda que esta orde de axudas consta de tres liñas ,as comunidades de montes e as mancomunidades de montes so poden solicitar axudas para a liña I (Axudas para organización de accións  de divulgación que impulsen  o coñocemento e poñan en valor a importencia estratéxica  das agrupacións forestais de xestión conxunta).

A cuantia da axuda pode chegar ao 100%.O prazo para a presentación das solicitudes remata o dia venres 23 de Febreiro de 2024.

III Edición do Dia de Loita da Veciñanza Comuneira

III Edición do Dia de Loita da Veciñanza Comuneira

  • Eirón-Mazaricos,
  • 20 de Xaneiro de 2024

PROGRAMA

  • Primeira parte

11,00 horas: No Local Social da Freguesía de Eirón.
Presentación da xornada por INGATECO. Benvida polo Alcalde de Mazaricos.

11,15 horas: Intervención de Edelmiro López Iglesias. Profesor do Departamento de
Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Ex – Director Xeral de
Desenvolvemento Rural da Xunta de Galiza. Ponencia: “O futuro dos Montes Veciñais en
Man Común na Galiza Rural do século XXI”.

12,00 horas: Acto de homenaxe a ORGACCMM no seu 25 aniversario.

12,15 horas: Intervención de Xosé Alfredo Pereira. Presidente da ORGACCMM

12,45 horas: Remate.

  • Segunda parte

13,00 horas: Acto de homenaxe no Monumento de Eirón no cabodano do asesinato de José Esperante (O Ché) (22.01.63) e demais represaliados na defensa da terra comunitaria.

13,15 horas: Intervencións de INGATECO, CONCELLO DE MAZARICOS, ORGACCMM, FAMILIA ESPERANTE.

13,30 horas: Ofrenda floral. Himno Galego.

IV Congreso europeo das Áreas Comunitarias

 IV CONGRESO EUROPEO DAS ÁREAS COMUNITARIAS

NOVAS ECONOMÍAS VERDES EN ÁREAS COMUNITARIAS: ESPAZO DE OPORTUNIDADE OU RISCO ANUNCIADO

18-19 Novembro no Centro Cultural As Pedriñas, Tameiga 

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

SÁBADO 18 DE NOVEMBRO 2023

10´30 Horas Apertura do 1º día do IV Congreso europeo das Áreas Comunitarias a cargo de Jose Fernandes, presidente da dirección de  BALADI  e César Lago Orduña, presidente da Comunidade de montes de Tameiga.

  • MESA 1: VALORACIÓN DE SERVIZOS PRESTADOS  POLOS BALDÍOS E OS MONTES VECIÑAIS PARA BEN DA SOCIEDADE NO SEU CONXUNTO.

10´40 Horas SERVIZOS DO ECOSISTEMA E A SÚA VALORACIÓN POLA SOCIEDADE: FUTURO OU REALIDADE EN ÁREAS COMUNITARIAS.

Relator: Manuel Beiro, enxeñeiro forestal  e Antonio Mota, enxeñeiro forestal.

11´10 Horas O MERCADO DO CARBONO, COMO FUNCIONA E A SÚA  IMPORTANCIA DO PUNTO DE VISTA DAS ÁREAS COMUNITARIAS

Relator: Joao Paulo Fidalgo, profesor na UTAD

11´ 30 Horas A XESTIÓN DESTES RECURSOS :XESTIÓN COMUNITARIA OU MERCADO LIBRE

Relatores/as :Vasco Paiva, enxeñeira florestal  e Beatriz Figueroa Pérez, avogada

12`10  Horas DEBATE E CONCLUSIÓNS DA MESA 1

Moderadores/as : Generosa Gey Piñeiro, vicepresidenta da ORGACCMM e Zé Carlos Pires, vicepresidente da dirección  de BALADI.

  • MESA 2 A NOVA VAGA DE ENERXÍAS VERDES: FOTOVOLTAICA E EOLICA.

12´30 Horas MERCADO DA ENERXÍA EOLICA E FOTOVOLTAICA NAS ÁREAS COMUNITARIAS: OPORTUNIDADES E RISCOS

Relator: Joao Gralheiro, advogado e Xose Manuel Vilas, enxeñeiro de instalacións fotovoltaicas.

13´10 Horas COMUNIDADES ENERXÉTICAS LOCAIS VERSUS COMUNIDADES DE MONTES/ ASEMBLEA DE COMPARTES

Relator: Bruno Dutto, técnico da Comunidade de Montes de Tameiga.

13`30 Horas Debate e conclusións  da Mesa 2

Moderadores/as: Generosa Gey Piñeiro, vicepresidenta da ORGACCMM e Isménio Oliveira, director  de BALADI.

14´00  Horas Xantar de irmandade.

16`00 Horas Visita guiada ao complexo do monte veciñal de Tameiga.

DOMINGO 19 DE NOVEMBRO DE 2023

10`40 Horas Apertura do 2º día do IV Congreso europeo das áreas comunitarias a cargo de César Lago Orduña, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga e  José Fernandes, presidente de BALADI.

  • MESA 3 BALDIOS / MONTES VECIÑAIS, TERRITORIO, PERSOAS E GOBERNANZA: O PRESENTE E O FUTURO DESTES TERRITORIOS.

10`50 Horas Mesa redonda.

Intervintes: Oliveira Batista, profesor de ISA; Xose Carlos Morgade Martinez, historiador; Gonzalo Pérez, coordinador da comunidade de montes de Tameiga; Xose Alfredo Pereira Martinez, presidente da ORGACCMM; Armando Carvalho, presidente da asemblea de BALADI,;Pedro Gomes, enxeñeiro florestal e Pedro Hespanha, profesor da Universidade de Coimbra.

12´20 Horas Debate e conclusións da mesa 3

Moderadores/as : Generosa Gey Piñeiro, vicepresidenta da ORGACCMM e Antonio Fernandes, director de BALADI

12´50 Horas Presentación da Unidade Didáctica sobre o monte veciñal a cargo de Claudio Quintillan Vallejo, presidente do INGATECO (Instituto galego das terras comunitarias).

13´20 Horas Saúdo das organizacións convidadas.

13´50 Horas Lectura das Conclusións do IV Congreso auropeo das Áreas Comunitarias a cargo de un/unha representante de FNB e outro da ORGACCMM.

14´00  Horas Peche do IV Congreso Europeo das Áreas Comunitarias a cargo de Armando Carvalho, presidente da asemblea de BALADI e Violeta de Santiago Moure, coordenadora xeral da ORGACCM.

 

FOLLA DE INSCRICIÓN

NOME DA COMUNIDADE DE MONTES, DA ORGANIZACIÓN OU DA
PERSOA________________________________________________
NUMERO DE COMUNEIROS/AS OU ASISTENTES______________
NUMERO DE XANTARES: (30´00 eu/ persoa)_________
NUMERO DE PERNOTACIONS: simple(35´00 eu/ noite)_____doble (55`00 eu/noite)_____

Para poder participar no IV Congreso Europeo de Areas Comunitarias, debedes enviar a folla de inscrición cuberta antes do dia 14 de Novembro de 2023 ao correo electrónico  xapegonda@gmail.com ou ao enderezo postal Centro Veciñal e Cultural de Valadares. Camiño do Pedregal nº6 -36314 Vigo (Pontevedra).

MANIFESTO “O MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN: UNHA REALIDADE HISTÓRICA VIVA NO SÉCULO XXI”

MANIFESTO “O MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN: UNHA
REALIDADE HISTÓRICA VIVA NO SÉCULO XXI”

  • Manifesto acordado pola Asociación Forestal de Galicia, a Organización Galega de Comunidades de Montes e a Mancomunidade de Montes de Vigo. Suscrito polas Mancomunidades de Montes de Pontevedra, do Barbanza, do Morrazo, de ValMiñor e de Baixo Miño (en constitución), así como por un amplo abano de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común presentes: Salvaterra, Atios, Tameiga, Beluso, Xinzo, Vilaboa, Cabral, Beade, Comesaña, Matamá, Candeán, Teis, Oia, entre outras.
  1. O MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN: UNHA PROPIEDADE SINGULAR CON LONGA HISTORIAE QUE CONTA CUNHA NORMATIVA MOI GARANTISTA.
  2. UNHA POLÉMICA SEN RAZÓN DE SER.
  3. POSICIONAMENTO DAS COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DEGALICIA.

1. O MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN: UNHA PROPIEDADE SINGULAR CON LONGA HISTORIA E QUE CONTA CUNHA NORMATIVA MOI GARANTISTA.

Os montes veciñais en man común, que teñen a súa orixe dende os asentamentos castrexos, son das poucas formas de propiedade de terras en man común (comunidade xermánica) que lograron sobrevivir á organización municipal do século XIX e que non foronafectadas polas leis desamortizadoras dese mesmo século. Ata ese momento o seu uso foi organizado polos veciños da parroquia, e os recursos procedentes dos mesmos (froitos, pastos, madeira, caza, etc) contribuían á supervivencia da veciñanza parroquial.

Dende finais do século XIX e ao longo do século XX comezan os primeiros intentos de“usurpación” e “apropiación” dos terreos comunais polas administracións. É na época franquista, coa implantación dos plans de repoboación forestal, cando ten lugar unha auténtica confiscación do monte da man das Deputacións Provinciais e dos Concellos, ao non ter as parroquias personalidade administrativa.

Con esta actuación, avalada pola Lei de Montes de 1957, e co ICONA e os Concellos como man executoras, expúlsase á veciñanza campesiña do monte e da súa forma de subsistencia, sendo un dos motivo de emigración dun grande número de galegos. Tamén é a responsable da implantación dos monocultivos. Precisamente, coincide este período co período de desenvolvemento industrial de Galicia, onde moitos Concellos, sobre todos os das cidades e grandes vilas, vense cun activo que, sen ser seus, os empregan como así foran, procedendo a vender, ceder ou arrendar ás incipientes empresas que se están a establecer. Contra a vontade comunitaria, interrómpese o aproveitamento común sen compensación algunha. Ademais, neste período é cando se producen ocupacións de parcelas veciñais por parte de particulares que mesmo se chegan a escriturar e inscribir fraudulentamente no Rexistro da Propiedade Inmobiliaria.

Precisamente desta realidade da etapa dictatorial proceden moitos dos conflitos que emerxen na actualidade, queréndose esquecer as causas dos mesmos. No ano 1968 a Lei de Montes Veciñais estatal xa contempla a devolución dos montes veciñais en man común á veciñanza das parroquias -algo moi específico de Galicia, León e algunhas zonas da cornisa cantábrica-, pero non é ata os anos oitenta que se clasifican a maioría dos montes veciñais en man común, para posteriormente consolidar esta realidade coa Lei Galega de Montes Veciñais en Man Común de 1989 seguida do seu regulamento de
1992. Polo tanto, coa democracia revértese unha situación de “apropiación indebida” por parte da administración, e o asentamento da autonomía en Galicia permite que as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) pasen a ser as depositarias da titularidade colectiva dos montes veciñais en man común, categorizándose como agrupacións sociais e non como entidades administrativas. O proceso non estivo exento de discrepancia
por parte das administracións locais, pero as sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sempre que se poido demostrar a pertenza do monte á veciñanza, acabou dándolle a razón a esta. Aínda recentemente publicáronse as últimas sentenzas nesta dirección.

O chamativo de todo este período convulso é que en ningún momento a lexislación vixente deixa de considerar aos montes veciñais en man común como bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables, non estando suxeitos a ningunha contribución de base territorial. Só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou de imposición de servidumes por causa de utilidade pública ou interese social. As comunidades de montes en
man común comparten estas causas, sendo esta a base de, por exemplo, moitos centros educativos e instalacións de diverso tipo que dan servizo ás parroquias e á cidadanía en xeral.

Certo que, ultimamente este criterio está sendo desvirtuado para dar soporte a “apropiacións” por parte de empresarios propietarios de entidades deportivas con vocación de operacións especulativas, reproducíndose de novo na actualidade actuacións propias da época franquista. Ademais, a lexislación aplícalle ás CMVMC é moi garantista e conta con toda unha serie de obrigas que fan delas unhas entidades democráticas, transparentes e altamente supervisadas pola Xunta de Galicia. Así, teñen que dispór dun Proxecto de Ordenación aprobado pola Consellería de Medio Rural -onde se prevén todos os usos previstos para as superficies-, e calquera acto de disposición dos terreos veciñais (cesións, permutas, arrendamentos, dereitos de superficie, compra de terreos, etc) teñen que realizarse en escrituras públicas e ser comunicadas á citada Consellería. Todo isto, evidentemente, despois de ter que ser debatido e aprobado nas correspondentes asembleas veciñais das CMVMC.

A día de hoxe, en todo o país galego, o monte veciñal en man común é xestionado por máis de 3000 comunidades de montes veciñais, supondo a cuarta parte do territorio galego. Os usos que se lle dan a estas superficies son forestais e agrarios -lémbrese que neles están algunhas das explotacións máis modernas relacionadas con viñedos, oliveiras, kiwis e aguacates, entre outros-, pero tamén outras actividades económicas como parques industriais, canteiras, minas, parques de xeración de enerxía, etc, así como múltiples servizos sociorecreativos, educativos e de patrimonio cultural -parques etnoarqueolóxicos, etc-.

Tampouco se debe esquecer que son os montes veciñais en man común provedores dos denominados servizos ecosistémicos, que os Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas e a Axenda urbana da Unión Europea están facendo tanto fincapé. Todos os montes, maiormente os montes periurbanos son exemplos claros de combinación de servizos recreativos -parques forestais, sendeiros, miradoiros, praias fluviais, etc- con servizos de captación de CO2, de reservorio de auga ou de mantemento da biodiversidade, en entornos con alta densidade de poboación e con gran necesidade de dispór de espazos de socialización e actividade fisico-deportiva accesible para toda a poboación. Durante a pandemia, isto último quedou patente.

En resumo, as CMVMC están moi arraigadas ao territorio galego e axudan a xestionar os recursos que nel existen en favor da veciñanza que residen nas parroquias e, mesmo, da sociedade en xeral. O importante é que isto acontece dende tempos inmemoriais, sendo na actualidade complementario dos servizos públicos proporcionados polas administracións, sobre todo nos entornos rurais dos concellos, das vilas e das cidades. Tan só queda que a sociedade e quenes ostentan a súa representación estean orgullos desta realidade e, entre todos, dignifiquemos unha das sinais de identidade que levamos no ADN.

2. UNHA POLÉMICA SEN RAZÓN DE SER

Como se apunto no apartado anterior, na actualidade se está a xerar unha polémica sobre a propiedade de terreos situados nos montes veciñais en man común de toda Galicia que, como quedou explicado, procede dunha “usurpación” ou “apropiación indebida” en tempos da “longa noite de pedra”. Froito desa realidade houbo un longo período no que algúns concellos realizaron operacións económicas con terreos que non eran da súa propiedade e particulares que se apropiaron de terreos que non lle correspondían.

No momento que as augas volven ao seu cauce a partir dos anos oitenta e, despois de que fosen reclamados polas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, os tribunais paulatinamente retornan aos seus lexítimos propietarios -a veciñanza das parroquias- os citados terreos. Como as cesións de superficies ou os alugueres teñen unha vixencia limitada, resulta que nesta década empezan a vencer todas esas situacións e por ese motivo moitas teñen que renovarse, se procede.

Por outra banda, isto coincide coa resolución de diversos litixios provocados por interesados particulares ou empresariais que iniciando a súa relación cos concellos que no seu momento tiñan a xestión dos montes comunais, logo, ao retornar ás Comunidades de Montes, non quixeron negociar con estas, e agora ven como non prosperaron as súas pretensións. Ao final, simplemente, se está a cumprir a legalidade vixente que consiste en que a posesión inmemorial dos veciños debidamente acreditada sobre un monte común, non se perde por ocupacións ou usurpacións ilegais aínda que estas interrompan o aproveitamento consuetudinario pro indiviso do monte polo grupo social veciñal en contra da súa vontade.

En ningún caso, os montes veciñais en man común poden amparar situacións xurídicas irregulares ou ilegais, actuais ou pasadas. A seguridade xurídica precisamente debe protexer a institución veciñal e non intereses particulares. Non debe esquecerse que os montes comunais, cualificación estatal dos bens municipais previa ao seu recoñecemento como montes veciñais en man común, foron e seguen sendo inalienables e imprescritibles. A pretensión municipal de facer pasar estes montes comunais por montes de propios ou
patrimoniais, e así xustificar a súa venda ou cesión, non é lexítima.

3. POSICIONAMENTO DAS COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE GALICIA

Todas as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Galicia que subscriben este manifesto e as súas entidades representativas aquí asinantes queren dar a coñecer o seu completo desacordo coas manifestacións realizadas pola Consellería de Medio Rural posicionándose en contra do que a lexislación establece e a xurisprudencia confirma día tras día. Resulta a todas luces inadmisible.

Tampouco están de acordo coas declaracións do Presidente da Xunta de Galicia no mes de xullo de 2023 na dirección de que “na futura lei que regulará os montes veciñais, e que está en elaboración, teremos que dar unha resposta que dea satisfacción a todos os afectados -vivendas, instalacións industriais, equipamentos públicos-“ e “se non é posible -o consensoestá a capacidade de gobernar e tomar decisións” sobre o monte veciñal que xa non se usa como tal. Considérase unha falta de respecto absoluto para unha morea de comuneiros e comuneiras que seguen a traballar de xeito desinteresado polo ben común, agora con novos retos para atender as necesidades da veciñanza e da realidade socioeconómica que a envolve.

Vívese con auténtica preocupación que ás portas duna modificación legal da Lei de Montes Veciñais en Man Común de Galicia poida haber un tic autoritario impropio dos tempos que vivimos e o posicionamento desafortunado a favor dun colectivo autodenominado “Plataforma Galega de afectados polas Comunidades de Montes” que representa a un lobie empresarial que quere retrotraerse á “usurpación” de antaño.

Por todo o citado, de cara a vindeira tramitación do Libro Branco dos Montes Veciñais en Man Común de Galicia queremos trasladar á sociedade e aos gobernantes autonómicos que  consideramos preciso non se lexisle de costas ao sector das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) e presentamos os plantexamentos acordados unánimemente:

  1. Recoñecer a función social que desenvolven as CMVMC na xestión dos seus territorios -lembremos que é a cuarta parte de Galicia e que abrangue tantos espazos agroforestais como industrias e sociocomunitarios-. Resulta unha visión de curto alcance querer reducilas a xestoras de espazos forestais, toda vez que en moitos casos as cargas de xestión de superficies industrias veñen derivadas da herdanza recibida da previa xestión dos concellos.
  2. Recoller que o proceso de normalización do monte veciñal en man común aínda non se pechou e subsisten situacións de abusos e usurpacións que limitan a extensión das propiedades veciñais en man común, sendo un deber da Administración autonómica velar e defender este patrimonio identitario de Galicia.
  3.  Consolidar o carácter xermánico do monte veciñal en man común, o que conleva que en ningún momento se pode cuestionar a imprescriptibilidade dos montes veciñais en aras de pretender legalizar situacións de usurpación e apropiación indebida. Neste senso non se considera de recibo que se queira intentar colar que haxa que demostrar a “constatación inmemorial e continuada do monte de forma consuetudinaria”, cando se ven de demostrar anteriormente que polo acontecido, fundamentalmente na dictadura, isto viuse truncado sen vontade da veciñanza.
  4. Manter co seu papel os Xurados provinciais de clasificación dos montes veciñais, o cal garante que se preserve o criterio de que para clasificar a un monte como veciñal en man común a clave é na posesión inmemorial e non documentada do uso do monte veciñal, recollido na lexislación vixente. Dubidar deste procedemento leva a pensar que se pode estar querendo trasladar a outro campo de xogo -a vía xudicial- para precisamente intentar impór os criterios de “non continuidade” ou “abandono” para evitar clasificacións ou mesmo desclasificar os mesmos, así como que predomine o criterio de esixir documentación rexistral para a clasificación, saltándose un principio básico do monte veciñal en man común.
  5. Garantir no texto legal a declaración de nulos de pleno dereito os actos de disposición levados adiante antes de que os montes fosen declarados como veciñais en man común. Este proceder evitaría moito litixio estéril que o único que pon a proba é capacidade económica que teñen as CMVMC para soportar longos xuizos e darlle falsas esperanzas a empresarios que obter os seus beneficios a conta dun ben común.
  6. Permitir que se cumpra a lexislación de montes veciñais que lle abre ás CMVMC a capacidade para negociar cos axentes económicos os diversos usos do chan mencionados, e non unicamente o forestal, para así proporcionar seguridade xurídica con contratos realizados diante do correspondente notario e proceder á posterior comunicación de tales contratos á Xunta de Galicia.
  7. Prevalecer a lexislación de montes sobre calquera outra lexislación de fomento económico ou simplificación administrativa para evitar que esta vía sexa a que empreguen as empresas, conseguindo a clasificación de singularidade autonómica, para asentarse nos montes veciñais en man común sen terse que sentar a negociar e acordar cos seus lexítimos propietarios.

Un novo ataque frontal ás Comunidades de Montes Galegas

  • A Organización Galega de Comunidades de Montes presenta achegas a reforma da regulación don montes veciñais galegos.
  • A ORGACCMM considera ao Libro Branco, elaborado pola Consellaría do Medio Rural, un ataque frontal ás Comunidades de Montes Galegas, ao seu xeito de organización asemblearia e á propiedade veciñal das terras que as identifica.

Ven de rematar a consulta pública do chamado Libo Branco sobre a reforma da regulación  dos montes veciñais en man común de Galiza.Libro Branco elaborado pola Consellaría do Medio Ruralpara a reforma da lei de montes veciñais en man común. A Organización Galega de Comunidades de Montes presentou achegas a este Libro Blanco, xa que considera que conten un ataque frontal ás Comunidades de Montes

Para a ORGACCMM reforma da lei de montes veciñais en man común que pretende levar adiante a Consellaría do medio rural e lesiva de tal profundidade que ata reflexa claramente a pretensión de eliminar o carácter xermánico da titularidade veciñal, para convertar as terras comunitarias en titularidades de carácter privado e así poidan ser acaparadas por intereses empresariais alleos a veciñanza comuneira.

O chamado Libro Branco posibilita deixar fóra da lexislación de montes veciñais aqueles montes que, segundo o criterio da Consellaría do Medio Rural, non teñan aproveitamentos forestais. Tamén reflicte que poida adquirir a condición de veciñanza comuneira persoas que no vivan no lugar. aldea ou parroquia onde se asenta o monte veciñal. Así como dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica como paso previo a privatización dos montes veciñais.

A ORGACCMM denuncia que o texto proposto pola Consellería tamén prantexa a legalización das usurpación dos montes veciñais en man común levadas adiante na ditadura franquista cando, no canto de dicir, como seria de xustiza, que todos os actos e negocios xurídicos levados adiante antes da recuperación dos montes veciñais pola veciñanza comuneira ,serán declarados nulos de pleno dereito .

Pola contra, di “analizar a situación dos actos de disposición realizados segundo  marco vixente con anterioridade a clasificación  como montes veciñais en man común. mantendo a súa firmeza, sen revisións contractuais” . E mesmo prantexa novas usurpacións dos montes veciñais cando di que aqueles montes veciñais que non constitúan a comunidade de montes pasarán a ser de titularidade dos concellos.

Para a Organización Galega de Comunidades de Montes o chamado Libro Blanco é un ataque ao funcionamento democrático, asembleario e participativo das comunidades de montes. Para eliminar este funcionamento prantexa darlle capacidade executiva aos presidentes/as das comunidade de montes por riba dos  acordos asemblearios. Tamén propón eliminar quorum e reducir o réxime de maiorias para a toma dos acordos co fin de que nos actos de disposición sexan os beneficiarios os intereses empresariais e industriais que pululan arredor dos montes veciñais.

“Curiosamente esta reforma non prantexa ningunha función da Consellaría do Medio Rural respecto os montes veciñais. Deixa da facer os deslindes, elimina os xurados de clasificación dos montes veciñais, elimina a xestión cautelar naqueles montes veciñais en situacións transitorias. deixa de velar pola defensa da integridade destes terras comunitarias,… Este liberalismo falso da Consellería do Medio Rural ten un claro obxetivo, que non e outro que deixar en total indefensión a veciñanza comuneira para que as súas terras comunitarias poidan ser facilmente acaparadas por intereses capitalistas, especulativos e urbanisticos”, subliña Alfredo Pereira, presidente da ORGACCMM.

Ante este texto tan lesivo, a Organización Galega de Comunidades de Montes presentou no Consello Forestal de Galiza 27 achegas  ao Libro Branco. O cerne destas achegas presentadas atopase en que se recoñoza a titularidade veciñal como unha máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas, que se reforce o carácter xermánico dos montes veciñais e que as comunidades de montes, de xeito democrático e asembleario, teñan plena capacidade de decisión sobre as súas terras.

As medidas propostas son as mesmas que contemplaba a lei de montes veciñais en man común presentada mediante unha Iniciativa Lexislativa Popular. Unha ILP que foi rexeitada polo Partido Popular, a pesar de estar avalada por máis de 12.000 sinaturas. Son as mesmas que nestes momentos están sendo apoiadas por entidades relacionadas cos montes veciñais.