A devolución

O movemento de recuperación dos montes veciñais tivo lugar nas décadas dos anos 60 a 80 do século XX, cando xa a relación monte-veciñanza estaba deteriorada, mais o pouso da organización común aínda existía na xente do rural, e foi retomado por moitos veciños, que se constituíron en comunidades de montes veciñais unha vez comprendido o modelo, poñendo as súas titularidades en valor.

Desde a primeira lei de montes estatal do ano 1957 e o regulamento do 1962, ate a actual lei galega de montes veciñais do ano 1989 e o regulamento de 1992, pasando pola lei estatal de montes do ano 1968 e o regulamento do 1970, e a lei estatal de montes veciñais de 1980, calcúlase que foron declarados como montes veciñais arredor dunhas 700.000 has. de terra. Mais tamén se estima que aínda hai unhas 400.000 ha a maiores susceptibles de poder ser clasificadas como montes veciñais. Unha das tarefas das comunidades de montes veciñais debe ser o lograr a clasificación desa superficie.

O ente administrativo con capacidade para declarar terras como monte veciñal son os Xurados Provinciais de Clasificación de Montes Veciñais, organismo dependente da estructura provincial da Consellería do Medio Rural, e logo as sucesivas instancias xurídicas. As composicións destes Xurados Provinciais están totalmente descompensados, xa que domina a presenza da administración pública. De feito, e ate o de agora, a única representación puntual que tiña a veciñanza nos xurados provinciais, sempre e cando se referira ao seu caso, tiña dereito a voz mais non a voto.Monte

A lei de montes veciñais vixente recolle a representatividade das comunidades de montes nos xurados provinciais, mais a elección deste membro era moi complexa, ou imposible, xa que se esixía a celebración dunha asemblea provincial das comunidades de montes e na que tiña que darse un quórum do 50%. Desde o mesmo nacemento da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM) sempre defendeu a importancia de que as comunidades de montes contaran con representación neste organismo.

No ano 2001 a ORGACCMM lanza unha campaña para proceder a elixir o representante das comunidades de montes na provincia de A Coruña, por ser a de menor presenza das comunidades de montes. Ante a desidia da Xunta de Galicia, esta campaña saldouse cun fracaso, ao non conseguir o quórum.

A partir do ano 2007, a Consellería do Medio Rural, baixo a dirección política do BNG, co fin de superar o claro incumprimento de lei de montes veciñais, resolveu convo­car asembleas provinciais de comunidades de montes para elixir o seu representante nos xurados provinciais. Estas eleccións tiveron lugar os días 6 de outubro de 2007 na Coruña, 30 de marzo de 2008 en Lugo e 22 de novembro de 2008 en Pontevedra. E nas tres, os representantes elixidos, foron os candidatos da ORGACCMM, faltando a representación da provincia de Ourense. Cuantitativamente, pode dicirse que o peso que ten o representante das comunidades de montes nos xurados provin­ciais vai ser escaso, mais a súa presencia vai ser fundamental pola defensa dos dereitos das comunidades e  pola información directa dos expedientes.

En termos xerais, a actitude da Xunta de Galicia respecto do recoñecemento de terras como monte veciñal son negativas, mais tamén a día de hoxe xa temos datos para poder contrastar as súas diferentes actitudes. O período lexislativo 2002–2005, con goberno do Partido Popular, os xurados provinciais caracterizáronse por moitos atrancos para a clasificación das terras como monte veciñal, alegando argumentos peregrinos e inconsistentes, como seren terras de pouca superficie, ocupadas por algún tipo de instalación e mesmo por algunha ocupación, aínda que fo­se ilegal, que na actualidade non tiñan actividade forestal, ou que estaban en solo urbano. Argumentos todos que van contra do establecido na lei de montes veciñais vixente, que no seu artigo 1o di: Son montes veciñais os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades productivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións ve­ciñais, na súa calidade de grupo social e non como entes administrativos.

En maio de 2009, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de botar abaixo esta teoría absurda de que só pode ser monte veciñal o que segue sendo terreo forestal. Este é o caso da sentenza pola que se declaran como monte veciñal parcelas da parroquia viguesa de Teis que estaban ocupadas polo zoolóxico da Madroa e por instalacións deportivas do Celta de Vigo. Tamén é xusto recoñecer que nesta sentenza tivo moito que ver a actitude perseverante na defensa do monte veciñal da comunidade de Teis.

Máis este éxito non pode esquecernos que no período lexislativo 2002-2005 a anterior Dirección Xeral de Montes presentoulle as entidades relacionadas co monte, un borrador de proxecto de lei de montes veciñais, no que se eliminaban os xurados provinciais de clasificación de montes veciñais por entender que xa non había mais terra que puidese ser declarada como monte veciñal. Daquela, ese intento lexislativo non avanzou pola actitude contraria de Comisións Obreiras, Sindicato Labrego Galego e da ORGACCMM.

Como feito contraposto, no período lexislativo 2005-2009 da Consellería do Medio Rural, dirixida polo BNG, avanzouse moito na declaración de parcelas como monte veciñal. Así, a Delegación Provincial de Pontevedra declarou como veciñal mais do 80% das solicitudes presentadas.

Na devolución dos montes veciñais aos seus lexítimos titulares non se debe pór en cuestión o uso actual, e mesmo deberíase manter o compromiso do equipamento público que hoxe teñen, pero tamén se debe considerar irrenunciable o recoñecemento da titularidade aos seus lexítimos propietarios. Na loita pola devolución de todos os montes veciñais que sexan susceptibles de selo.

As comunidades de montes teñen que manter a atención en tres ámbitos

– Na presenza dos representantes provinciais das comunidades de montes nos Xurados Provinciais de Clasificación.

– No Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, porque as sentenzas que está a dictar ultimamente coinciden co concepto de monte veciñal dos veciños e coas súas reivindicacións.

– No Fiscal Superior de Galicia, pois ten a obriga de defender a integridade dos montes veciñais.