- A Organización galega de comunidades de montes xunto coas organizacións que compoñen a plataforma Por un monte galego con futuro convocan unha concentración o mércores 24 ás 11:30h diante do Parlamento galego para rexeitar un novo intento do Partido Popular de espoliar os montes comunais.
Na lei de acompañamento, que se vai debater no Parlamento galego o dia 24 , a Xunta de Galicia pretende aprobar dúas modificacións da Lei de montes veciñais. Dúas modificacións que supoñen un agresión importante aos dereitos da veciñanza comuneira e á protección dos montes veciñais.
Alertan que de aprobarse estas modificacións, aqueles montes veciñais onde non exista veciñaza ou sexan declarados en estado de grave abandono pasarán a ser de titularidade dos concellos e a súa xestión e explotación a mans de empresas madeireiras. A Consellería de Medio Rural se arroga o poder de decretar o estado de abandono por meros retrasos ou deficiencias en cuestións administrativas.
Denuncian ademais que o monte comunal sería entregado por 50 anos e a veciñanza comuneira non poderá recuperara xestión do seu monte veciñal ate pasados ese tempo, o que fai inviable unha continuidade ou recuperación da xestión comunal do monte.
A ORGACCMM e a plataforma Por un monte galego con futuro fan un chamamento ás entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionan o medio rural para que rexeiten as modificacións da lei de montes veciñais que pretende introducir o Partido Popular e que teñen como obxetivo a eliminación dos montes veciñais en man común, que son unha seña de identidade do noso país.