XORNADAS  SOBRE A NON CLASIFICACIÓN E DESCLASIFICACIÓN DOS MONTES VECIÑAIS QUE ESTÁ REALIZANDO A XUNTA

O pasado sábado 28 de Setembro, na casa da comunidade de montes de Noalla, no concello de Sanxenxo, coa asistencia de preto de 200 persoas e de comunidades de montes de todas as zonas de Galiza, celebararonse unhas xornadas tituladas:” A non clasificación e a desclasificación dos montes veciñais “.  Ante esta campaña da Xunta contra o monte comunal que están levando adiante os xurados provinciais de clasificación de montes veciñais e que son corroborados pola xustiza ordinaria e incluso polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Na primeira parte desta Xornada participaron veciñanza comuneira de Entrecruces (Carballo ), de Cha (Ferrol) e a mancomunidade de montes de O Morrazo. Comunidades ás que non se lle clasificaron os seus montes veciñais en base a criterios non contemplados na lexislación vixente, como son o non uso forestal actual, que a superficie a reclamar e pequena e entón non pode ter un uso social rentabel ou que non demostrou a veciñanza un uso continuado destas terras. Este último argumento é totalmente contrario ao carácter imprescriptibel dos montes veciñais.

Tamén participaron as comunidades de montes Hio (Cangas) e Carreira (Ribeira), as que non lle clasificaron parte dos seus montes veciñais por estar situados nas demarcacións marítimo -terrestres ou en figuras de protección, argumentando que os montes veciñais son titularidades de carácter privado. Cando os montes veciñais en man común son titularidades comunitarias, nin públicas nin privadas.

Nesta primeira parte da Xornada tamén participaron as comunidades de montes de Noalla (Sanxenxo) e Cabral (Vigo), ás que lles foron desclasificados parte das súas terras, no primeiro dos casos  a favor do concello por ter o monte veciñal un uso principalmente social. No segundo dos casos, a favor de particulares que durante a dictadura franquista usurparon montes veciñais, é decir, legalizando estas usurpacións dos montes veciñais.

Na segunda parte desta Xornada participaron os representante das comunidades de montes no xurado de clasificación de montes veciñais de Pontevedra, o avogado Calixto Escariz e o presidente da ORGACCMM. Analizaron cales eran as razóns  que unen os intereses capitalistas,  especulativos e urbanísticos, amparados pola Consellería do Medio rural, para roubar os montes veciñais aos seus lexítimos tituares, a veciñanza comuneira.

Celebrouse un debate, ao remate das palestars, sacándose as seguintes CONCLUSIÓNS:

 -As razóns das non clasificacións e mesmo da desclasificación dos montes veciñais, débese a que estas terras son titularidades de carácter xermánico  e están fóra do tráfico do comercio e polo tanto fóra dos negocios .

-Son tamén  razóns destas non clasificacións e desclasificacións o feito de que os montes veciñais están xestionados democraticamente pola veciñanza comuneira.

-Como tamén o son que estas terras comunitarias están no punto de mira da extratexía do capitalismo mundial de acaparación de terras e dos recursos que nelas se dean.

-Nesta situación política, a loita da veciñanza comuneira por conseguir que os montes veciñais en man común sigan sendo titularidades de carácter xermánico situase nun primeiro plano.

-A dia de hoxe, esta defensa dos montes veciñais como titularidades de carácter xermánico hai que centrala na loita contra a nova lei de montes veciñais, que está a elaborar a Consellaría do Medio rural e que pretende  convertir os montes veciñais en man común en titularidades de carácter romano para poder privatizalos ou municipalizalos. En todo caso, para roubarllos a veciñanza comuneira.

-Sen desbotar as vías administrativas e xudiciais, a vía mobilizadora e a vía política deberían ser as prioritarias na defensa dos montes veciñais.

-Na defensa dos montes veciñais, a veciñanza comuneira debe traballar para conseguir alianzas con entidades e asociacións que viven, traballan ou xestionan o medio rural. Coa constitucións de comisións de traballo entre a veciñanza comuneira e as entidades de asociacións que traballan, xestionan e viven no medio rural en diversos campos de acción (funcións sociais, medioambientais, posta multifuncional dos recursos, cuestións xurídicas…).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *