O PLANO FORESTAL DE GALIZA E OS MONTES VECIÑAIS EN MÁN COMÚN .

  • Somentes cos votos favorabeis do Partido Popular ,ven de ser aprobada no Parlamento Galego a primeira revisión do plano forestal de Galiza que terá vigor ate o ano 2040. E ademais non tivo o consenso do Consello Forestal de Galiza.

En liñas xerais, esta primeira revisión do plano forestal de Galiza para o medio rural , para o monte e para o monte veciñal é negativa. Non ordena os usos do monte, deixa esta odenación nas  mans das empresas forestais e madeireiras e non pecha os ciclos productivos dos distintos aproveitamentos dos montes .

E decir ,impide o logro de un medio rural  e de un monte multifuncional  e sustentabel. E ademais, non prantexa alternativas ás causas estruturais que provocan os lumes  e mantén a privatización da loita contra os lumes na súa faceta de extinción.

A primeira revisión do plano forestal de Galiza é unha lexislación agresiva e hóstil ao respecto dos montes veciñais en mán común. Prantexa abertamente desnaturalizar a estas titularidades comunitarias para proceder a súa privatización. Marca como un indicador para o período 2021/2025, a modificación de lei de montes veciñais (lei 13/1989 e do seu regulamento Decreto 260/1992).

A primeira revisión do plano forestal de Galiza xa marca o camiño no que vai a consistir estas duas modificacions.

A primeira e a de reformular o concepto de veciño/a comuneiro/a dando entrada no mesmo a aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan algunha relación co monte veciñal.

A segunda e a de dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica. Evidentemente, a consellería do medio rural, non da pontada sen fío. Ataca as características que conforman os montes veciñais como unha titularidade de caracter xermánico para transformalas en titularidades de caracter romano e poder proceder a súa privatización.

A primeira revisión do plano forestal de Galiza mantén todas as lexislacións agresivas contra os montes veciñais (pago das falsas e inxustas débedas dos convenios, declarar os montes veciñais en mán común en estado de grave abandono por cuestións meramente burocráticas, manter as comunidades de montes como suxeitos pasivos no imposto sobre sociedades,…)

Dende a Organización Galega de comunidades de montes veciñais en mán común (ORGACCMM) entendemos que as comunidades de montes e a veciñanza comuneira debemos dar unha resposta contundente a esta nova lexislación agresiva contra os montes veciñais.

E debemos dala, sen demora. De xeito inmediato debemos levar esta nova lexislación as nosas asembleas xerais, manter e convocar asembleas informativas con comunidades de montes veciñas. E tamén manifestar publicamente o noxo rexeitamento ante esta nova agresión a veciñanza comuneira (para levar adiante estas accións, podedes contar co apoio da ORGACCMM) .

Somentes de este xeito, estaremos preparados para dar unha resposta mais contundente a esta nova agresión lexislativa cando a Consellería do Medio Rural publique o borrador para a modificación de lei de montes veciñais e o seu regulamento.

Pararemos este novo roubo dos montes veciñais a veciñanza comuneira.

X.A. Pereira |Presidente ORGACCMM

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *