Chamamento á manifestación contra o actual modelo eólico

  • A Organización Galega de comunidades de montes fai un chamamento á participación na manifestación deste domingo 5 de xuño  que convoca a Cordenadora Eólicos Así Non ás 12 da mañán  en Compostela.
  • Demandan capacidade de decisión para as comunidades de montes para aceptar o rexeitar os proxectos eólicos plantexados nos seus montes veciñais.

O expolio que as eléctricas están perpretando no terrritorio galego, amparadas pola falta de planificación e ordenación do sector eólico, afecta gravemente ás comunidades de montes. O monte veciñal vese exposto ao extractivismo e mercantilización.

O Plano sectorial  eólico actual  implica de facto unha expropiación directa e recualificación dos montes veciñais en man común. A lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais e a lei de simplificación administrativa consideran de utilidade pública o negocio privado das empresas enerxéticas en contra dos montes veciñais en man común.

O monte veciñal, polas súas carácteristicas de titularidade xermánica, ten compoñentes de ben común, ben social  e utilidade pública.  Para a ORGACCMM é imprescindible a derogación de estas dúas leis como primeiro paso para preservar o monte comunal.

A Organización Galega de Comunidades de Montes subliña que a enerxía eólica ten que ser considerada como un recurso do país polo que no seu ordenamento deben primar os intereses do pobo galego e nos os beneficios do oligopólio eléctrico. A instalación de parques eólicos debe favorecer á veciñanza da contorna socializando os beneficios. Ademais no ámbito galego, o camiño da soberania enerxética debe ir aparellado dun abaratamento do prezo da enerxia para os fogares.

“Reclamamos á administración galega que aposte decididamente polo autoconsumo apoiando ás comunidades enerxéticas locais fronte os sistemas de produción de distribución oligopolista” sinala Xosé Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.

Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes insisten en que o desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza ten que ir acompañado da eliminación paulatina da enerxía xerada por combustibles fósiles. Recalcan que é necesario un ordenamento do territorio con zonas de exclusión e límites á acumulación de parques eólicos nunha mesma zona. Demandan capacidade de decisión para as comunidades de montes para aceptar o rexeitar os proxectos eólicos plantexados nos seus montes veciñais.

“Como ben indica o lema da manifestación convocada pola Cordenadora  Eólicos Así  Non,  hai outra alternativa ao modelo actual de despliegue das renovables. Só é necesario ter vontade política para desenvolver unha transición enerxética xusta, ecoloxicamente sustentabel e para o pobo” resantan desde a ORGACCMM.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *