100 comunidades de montes participan no VII Congreso galego da ORGACCMM

  • Os pasados día  21 e 22 de maio, na casa de Cultura ”Daniel Castelao “ do concello de Moaña, tivo lugar o VII Congreso Galego de comunidades de montes, no que participaron máis de 100 comunidades de montes de todo o país.

A principal conclusión do VII Congreso Galego de comunidades de montes foi o rexeitamento unánime á pretensión da Consellería do Medio Rural  de privatizar os montes veciñais en man común  eliminando  o carácter xermánico da titularidade  veciñal para convertilos en titularidades privadas e dando entrada como veciños/as comuneiros/as, a empresas que queran explotar o monte veciñal.

A veciñanza comuneira aprobou unha resolución contra este intento de privatización dos montes veciñais, rexeitando así esta estratexia do capitalismo mundial de apropiarse da terra comunal para expoliar todos os recursos que nela se dan.

“Ante esta situación, para parar o roubo do monte veciñal que pretende a consellería do medio rural, faise fundamental a recollida de sinaturas para que se tramita no Parlamento Galego a nosa ILP. Necesitamos unha lei de montes ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega no seu conxunto” apunta Xose Pereira, reelexido presidente da ORGACCMM.

No decurso do VII Congreso tamén se rindeu unha homaxe a aquelas persoas que formaron parte das diversas xuntas reitoras da Organización Galega de Comunidades de Montes. A homaxe consistiu na proxeción dun audiovisual con imaxes que dende a celebración do 1º Congreso e a constitución da Orgaccmm, ata a celebración do día da loita da veciñanza comuneira e a recente elaboración dunha unidade didactica sobre o monte veciñal. Lembrando, entre mentres, as manifestación contra o imposto sobre sociedades, as mobilizacións contra as falsas e inxustas débedas dos convenios e dos consorcios. Ademais entregouselle un diploma ás persoas homenaxadas recoñocendo o seu traballo o seu eforzo. Destacando que sen elas a Orgaccmm non sería tan ampla e forte.

Os representaes da veciñanza comuneira galega amosaron o recoñocemento á Comunidade de Montes de Tameiga pola preservación do seu monte veciñal. Unha defensa do ben común ante os intereses especulativos do presidente de Real Clube Celta de Vigo e a alcaldesa do concello de Mos, que pretenden roubarlle a veciñanza de Tameiga o seu monte omunal.

O VII Congreso Galego de comunidades de montes rematou coa elección da séptima xunta reitora da Orgaccmm. Dentro dunha senda continuista, levouse adiante unha profunda e positiva renovación, tanto dos membros da xunta como da súa estructura territorial.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *