O novo plan forestal beneficia ás grandes empresas en detrimento das comunidades de montes

  • A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) denuncia que o novo plan forestal da Xunta é un documento elaborado de xeito antidemocrático. A ORGACCMM solicitou ao goberno galego que estivera representado todo o sector, pero finalmente deixaron fóra do diálogo a todas as entidades que viven, traballan ou xestionan o medio rural que non formasen parte do consello forestal de Galicia.
  • A ORGACCMM rexeita este novo plan , principalmente porque afonda na eliminación do carácter comunal dos montes e abre así a porta á privatización dos montes veciñais. A organización galega alerta que mediante este novo plan pretenden revisar a condición do veciño/a comuneiro/a e dotar de personalidade xurídica ás mancomunidades de montes.
  • A Organización Galega de Comunidades de Montes entende que se perde unha oportunidade de rectificar a inxusta fiscalidade dos montes veciñais en mán común xa que continúa mantedo ás comunidades de montes como suxeitos pasivos no imposto sobre sociedades.

A Organización Galega de Comunidades de Montes solicita ás forzas politicas con representación no parlamento a que enmenden o novo Plan Forestal Galego.  A primeira revisión do plano forestal de Galicia, xa rematou a tramitación de exposición pública e revisión polo consello forestal de Galicia. Esta semana será tomado en consideración na xunta de portavoces e logo pasará á comisión de Agricultura do Parlamento Galego para a posterior aprobación en pleno. Neste proceso que durará un mes os grupos parlamentarios poderán enmendar o Plan Forestal mediante a presentación de achegas.

Segundo a ORGACCMM a Conselleria do Medio Rural está apurando os prazos e en paralelo están redactando o estudo de impacto medioambiental que se acoplará ao docomento da primeira revisión do plano forestal de Galicia sen nengún tipo de debate.

A ORGACCMM sinala que o novo plan está baseado nun inventario forestal atrasado, xa que está feito en base ao Inventario forestal do estado do ano 2008. Recalcan que non e certo que se produza unha redución do eucaliptus, posto que reducese o 2% da superficie de eucaliptus, pero en referencia ao aumento do 50% dende o primeiro plan forestal de Galicia.

Ademais advirten desde a ORGACCMM que o novo plan lonxe de fomentar un monte multifuncional, redúcese a crear catro modelos multifuncionais, un por cada provincia. Tamén denuncian que non se aposta pola produción de madeiras de calidade en base as especies de frondosas e que unha vez máis se deixa en mans das empresas madeireias e forestais a ordenación dos usos do monte.

Solicitan ao goberno que adopte o criterio de Europa para o rexistro de secuestradores de CO2

  • A Dirección Xeral da Acción Climática da Unión Europea acepta as demandas da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e inclúe as terras forestais xestionadas no rexistro de secuestradores de CO2 para os periodos 2021/2025 e 2026/2030.
  • A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) denuncia que o actual decreto “Creación do rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de captura de CO2” penaliza a boa xestión de masas forestais e favorece os montes queimados polo lume.

O goberno español promulgou o decreto “Creación  do rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de captura de CO2” mediante o cal as empresas contaminantes poderán seguir contaminado se mercan bonos de captura de C02 para compensar o seu exceso de emisións de gases de efecto invernadoiro. A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) sinala que este decreto é negativo para o monte e para o rural galego.

A ORGACCMM denuncia que as únicas masas forestais que poderán acollerse actualmente ao rexistro son as masas provintes dun cambio de uso do terreo ou as plantadas nun monte arrasado polo lume. Deste xeito o decreto está fomentando a regresión de terras agrarias e agrícolas a terreo forestal cando Galiza é o pais de Unión Europea con menos superficie util agraria. Non menos perigoso é que se bonifique o negocio do lume podéndose rexistrar os terreos queimados en reforestación para vender no mercado aberto polo decreto o seu volumen de captura de C02. Pola contra, quedan fóra do rexistro de captura de CO2 e por tanto dos bonos de compensación as masas forestais xestionadas e as derivadas das plantacions en terras forestais.

A Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM) manifestouse en contra deste decreto enviando senllos escritos á Oficina Española do Cambio Climático e a Direción Xeral de Acción Climática da Unión Europea. En ámbolos dous escritos reclámase que se tipifiquen como secuestradores de C02 as plantacions e as repoboacions  en terreos forestais. O organismo dependente do goberno central non respondeu, pero si o fixo a Direción Xeral de Acción Climática da Unión Europea.

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) sinala que a Direción Xeral de Acción Climática da Unión Europea enmendou o erro do decreto español e na sua última reunión acordou que para os periodos 2021/2025 e 2026/2030 as terras forestais xestionadas e as terras que sendo forestais permanezan como tales tamén sexan incluidas no catálogo de secuestradores de C02 .

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) esixe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que adote sen demora os criterios desta directiva da Unión Europea. A Organización Galega sinala que co cambio de criterio se beneficiaran as comunidades de montes galegas que están xestionando axeitadamente a súa masa forestal e se incentivarán as repoboacións tan necesarias para neutralizar as emisións de gases de efecto invernadoiro e contribuir na loita contra o cambio climático.